PEDAGOXÍA TERAPÉUTICA

luns, 20 de abril de 2020

Preparados para o terceiro trimestre?

Queridas familias, nenos e nenas:

Seguimos a vivir tempos difíciles pero con esperanza e ánimo; xa falta menos para poder saír á rúa e para voltar a vernos, seguro!.
Respecto á educación, a semana pasada soubemos algunha cousa máis sobre como afrontar este 3º trimestre e estamos á espera de maiores concrecións por parte da Consellería. Na páxina web do centro teredes contada información da organización deste remate de curso. Pero intentarei aclarar algúns aspectos que considero importantes para o alumnado en xeral e o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que reciben apoio por parte da profe de PT (Oliva), de AL (Silvia) e os que participan no Programa REFORZA-T.

1. O curso non está rematado, seguimos ata o 19 de xuño. 


O alumnado debe seguir a traballar, de momento, desde a casa. As mestras e mestres, a través do correo electrónico do alumnado (en Educación Primaria) e blogues (en Educación Infantil) faranvos chegar as tarefas que debedes traballar. Serán propostas de repaso, reforzo e recuperación do traballo desenvolvido e algunha ampliación de aqueles aspectos que se consideren básicos para que o vindeiro curso todo vaia ben.


As mestras Oliva, Sandra (que substitúe a Silvia que permanece de baixa) e Cris continuarán a propoñer todas as semanas tarefas para os nenos e nenas que recibían a súa axuda.
As tarefas as podedes atopar neste blog, nas lapelas situadas na parte superior. 



Cada luns teredes as propostas para toda a semana. Buscade o día no que recibiades o apoio e buscade o voso curso, teredes a tarefa para ese día. Pero se por algunha razón non a puidésedes realizar durante a semana, non pasa nada. Hai unha lapela onde están todas as propostas realizadas. Ademais tedes xogos e outras actividades nos blogs de AL e PT.

         

Para as familias que non conten cos recursos tecnolóxicos necesarios para poder continuar coa actividade lectiva buscaremos unha solución. Por iso é importante que nos fagades chegar as vosas necesidades e as dificultades coas que vos atopades.

2. En relación á avaliación, considero importante aclarar aspectos relacionados coa promoción e a avaliación das diferentes materias.

Promoción: o obxectivo é que todo o alumnado promocione de curso, aínda que poida levar materias suspensas. Lembrar que a permanencia un ano máis nun curso xa era unha medida extraordinaria e,  este curso, será "moi extraordinaria".
Ao remate de curso, o equipo docente valorará cada caso en particular e adoptará a decisión de promoción de cada alumno/a coas medidas e recomendacións que se consideren oportunas cara o vindeiro curso. A promoción será a norma xeral, excepto nos casos puntuais nos  que se considere que esta poderá ter máis perxuizos que beneficios para o alumno/a,  polas dificultades e carencias que o neno ou nena presenta,  e que non son achacables a ningunha razón asociada ao confinamento que estamos a vivir.

Avaliación: Estará orientada a valorar os avances ou dificultades atopadas en cada un dos nenos e nenas, co obxecto de planificar medidas de recuperación e apoio cara o vindeiro curso. Na cualificación final de cada área terase en conta o grao de desenvolvemento das aprendizaxes. 
Así que, rapaces, se tedes  algunha área suspensa intentade  recuperala, repasar e pedide axuda ante as dúbidas ou dificultades. O profesorado intentará axudarvos para favorecer ao máximo o éxito. Pero teredes que manter o interese, adicarlle tempo, preguntar todo o que non entendades e seguir as recomendacións e tarefas que indiquen as mestras e mestres. 
Si tedes  as materias ata agora superadas, continúa a aprender, repasa aqueles aspectos que che custan un pouco máis e realiza as tarefas que te indica o profesorado  para asegurar que o curso que vén todo irá mellor.
Para avaliar teremos en conta dous principios fundamentais: o principio de equidade (non dar a todos e todas o mesmo, se non a cada alumno/a o que precisa) e o principio de atención á diversidade.

En relación ao cambio de etapa, en concreto á ESO, a avaliación atenderá a criterios globalizados, é dicir, pensaremos en si ese alumno/a acadou os coñecementos precisos (aprendizaxes competenciais claves) para acceder á nova etapa educativa, aínda que poida promocionar con algunha materia suspensa e recomendacións de medidas de atención á diversidade específicas para o vindeiro curso. 

A pesar desta interpretación xeral das instrucións facilitadas polo Ministerio,  debemos agardar as facilitadas desde a nosa Consellería e poida que haxa algunha concreción ou cambio nestes principios de actuación. 

Lembrade que estamos aquí para todo o que precisedes. Gustaríanos saber de vós, como estades, as dificultades coas que vos atopades. Mantede un continuo contacto coas titoras e, si o precisades, co Departamento de Orientación (orientacion@sadaycontornos.es)
Nenos e nenas, animádevos a facer a enquisa que tedes no lateral do blogue sempre que o precisedes.

Ánimo e saúde para TOD@S.




Pinchade na imaxe para acceder ao documento elaborado polo Grupo Orienta

Ningún comentario:

Publicar un comentario