PEDAGOXÍA TERAPÉUTICA

sábado, 2 de maio de 2020

2 de maio: Día contra o Acoso Escolar

Hoxe é o Día Internacional contra o Acoso Escolar. Considérase acoso escolar calquera forma de vexación ou malos tratos continuados no tempo dun alumno ou alumna por outro ou outra ou outros, xa sexa de carácter verbal, físico ou psicolóxico, incluído o illamento ou baleiro social, con independencia do lugar onde se produza. Terán a mesma consideración as condutas realizadas a través de medios electrónicos, telemáticos ou tecnolóxicos que teñan causa nunha relación que xurda no ámbito escolar.


A Comunidade Educativa debe priorizar a mellora da convivencia dentro dos seus principios fundamentais e artellar medidas e accións encamiñadas á prevención do acoso. Aprender a respetarnos, aprender a ser, aprender a estar, aprender a convivir é un dos piares  da nosa escola.
Desde o curso 2017-2018 o noso centro participa no Programa TEI (Tutoría Entre Iguais) que ten como obxectivo mellorar a convivencia no centro e previr o acoso escolar.
Durante este curso realizaouse a formación específica  do alumnado de 5º e 3º e foron moitas as actividades conxuntas realizadas para a cohesión das parellas. Pero o verdadeiro valor deste programa reside no día a día, no apoio que o alumnado máis pequeno recibe do seu titor de 5º, da amizade e unión que se orixina entre as parellas e a aprendizaxe conxunta na resolución de conflitos e en aprender a convivir, saber escoitar, expoñer as súas inquedanzas, comprender,  xestionar os enfados, buscar solucións pacíficas aos conflitos, rexeitar o abuso, denunciar as accións contrarias á convivencia, respetar, confiar, apoiar, dar seguiridade...

Levamos moitos días na casa pero a preocupación dos titores por saber como estaban os seu titorizados continuaba. Así que tiñamos que seguir adiante co Programa, a pesar da distancia e comezou un intercambio de cartas entre uns e outros. Se pinchades na imaxe poderedes ler algunhas delas.



Debemos seguir a traballar en prol da convivencia e sensibilizar á comunidade educativa sobre o acoso escolar, as súas consecuencias e procurar solucións de carácter preventivo. No seguinte taboleiro podedes atopar recursos para reflexionar e traballar co alumnado.
FAGAMOS XUNTOS UNHA ESCOLA MELLOR: ante unha situación de acoso actúa!




Ningún comentario:

Publicar un comentario