PEDAGOXÍA TERAPÉUTICA

luns, 14 de setembro de 2020

Carta para as familias

 

Estimadas familias:

Cando vivimos unha situación estresante, complicada, dura, emocionalemte intensa… o noso cerebro e o noso corpo entran nun estado de alerta, san e protector, que nos permite estar atentos para afrontar ese perigo ou esa ameaza. Cando a situación pasa, o noso cerebro “apaga” esa alerta, procesa a experiencia e almacénaa na nosa memoria como un feito máis da nosa vida, aprendemos e obtemos novos recursos tras superar esa situación e podemos seguir adiante sen problema no noso día a día.

Pero cando esa situación estresante é demasiado intensa ou dura demasiado tempo convértese en traumática, o cerebro non consegue apagar a alerta e mantense en estado de alarma constante (que manifestarase de moi diversos xeitos: enfado, irritabilidade, angustia, illamento, ensimesmamento, apatía…) polo que non consegue procesar a experiencia adecuadamente, deixando unha pegada no seu desenvolvemento cerebral. Nos nenos e nenas, a súa vivencia dependerá da reacción das súas persoas de referencia  ou dos coidadores principais; interpretarán as situacións segundo a reacción emocional das persoas adultas que o acompañan. Por isto é moi importante que xuntas (escola e familia) traballemos da man para acadar o benestar emocional dos nosos pequenos e pequenas.

 Para axudar a reducir e amortiguar o impacto socio-emocional producido pola crise da COVID-19 e facilitar o regreso á escola e a nova normalidade, desde o centro desenvolverase o programa MVES+ (“Máis cunha Volta á Escola en Sada y sus Contornos”), ao longo de todo o curso pero especialmente neste primeiro trimestre, coa finalidade de : 

- facilitar  actividades de acollida e reencontro que permitan a expresión emocional compartida da vivencia durante o illamento,

           -  detectar alumnado con maior risco de impacto psico-emocional para poder adoptar medidas e axudas de carácter máis extraordinario.

            - Facilitar seguridade ao alumnado e as bases dun apoio emocional para todo o curso.

 Precisamos da colaboración e comprensión  das familias, polo que pregamos comuniquedes ao centro (titora, orientadora, equipo directivo...) calquera inquedanza polo voso fillo ou filla, principalmente en relación ao seu desenvolvemento emocional.

Gustaríanos saber como estades a vivir as familias este regreso ás aulas e animo a toda a Comunidade Educativa a participar neste blog activamente ou comunicarse directamente comigo a través do correo electrónico orientacion@sadaycontornos.es

Alegrámonos de voltar, aínda que con certo temor razoable e a cautela que esixe o momento, esta nova realidade e rutinas escolares. A volta permítenos o reencontro e a continuidade dos proxectos, ao tempo que nos coidamos e protexemos uns aos outros.

O Departamento de Orientación está á vosa disposición para as consultas, dúbidas e axuda que precisedes.

                                    Afectuosamente,

                                                                Lucía.


Ningún comentario:

Publicar un comentario