Recollo na entrada de hoxe as propostas de dous servizos externos ao centro que contribúen coa súa labor ao axeitado desenvolvemento das funcións do Departamento de Orientación e a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo: o Equipo de Orientación Específico (EOE) e o Servizo de Atención Temperá do Concello de Bergondo
Os Equipos de Orientación Específicos (EOE) son axentes de poio á orientación externos aos centros educativos, centrando as súas funcións, con carácter preferente, no apoio especializado aos departamentos de orientación, na elaboración de programas de intervención, na actualización de datos propios de cada especialidade, así como na elaboración de materiais e recursos que contribúan a unha axeitada resposta educativa nos centros, neste caso en materia de orientación educativa e profesional.
Ao comezo do confinamento o EOE de A Coruña achegou aos centros un documento para acompañar á Comunidade Educativa. Pinchar aquí para acceder.
Agora fannos chegar un documento para facilitar o acompañamento no coidado do benestar emocional do alumnado, que comparto con tod@s. Pinchade na imaxe para acceder.
No documento se recollen pautas de acción e recursos para afrontar emocionalmente estes tempos incertos. Recolle enlaces a guías para o coidado do benestar emocional no alumnado con NEAE (TEA e TDAH) moi interesantes.
O Servizo de Atención Temperá do Concello de Bergondo está dirixido ao alumnado de 0-6 anos residentes nos Concellos de Bergondo, Abegondo e Carral. Este servizo é ofertado por ASPACE Coruña e xestionado polos Servizos Sociais dos respectivos concellos.
Este servizo, que leva este curso en funcionamento, creou un blog onde recolle actividades e recursos para facilitar a estimulación temperá dos nenos e nenas e continuar así coa labor desenvolvida cos usuarios do servizo. Se pinchade na imaxe poderedes acceder ao blog.
Desde o servizo animan á Comunidade Educativa a participar no deseño do logotipo que será imaxe do Servizo, a través dun concurso que remata o 10 de maio. Animádevos a participar!. No seu blog tedes toda a información.
Se precisades máis información sobre o servizo podedes poñervos en contacto co Departamento de Orientación (orientacion@sadaycontornos.es) ou co coordinador do servizo ( Oscar Ameneiros García) en oscar.ag@aspacecoruna.org
Ningún comentario:
Publicar un comentario