A Educación Secundaria é unha etapa educativa que
implica unha maior dificultade (pola súa organización, materias, maior número
de profesorado…) e esixe un traballo máis intenso. Coincide coa adolescencia, período
de cambios no desenvolvemento emocional e físico. Por todo isto será
fundamental que os pais esteades ao carón dos vosos fillos/as para FALAR, ESCOITAR e COMPRENDER.
Os rapaces nesta etapa buscan unha maior liberdade, a súa
propia identidade, solicitan unha maior autonomía e independencia, e ás veces o
fan a través do enfrontamento e oposición aos adultos. Os iguais exercen unha
gran influencia e xurden novos intereses.
Neste proceso vital é preciso que os pais sigades a ser
un referente de autoridade, fixando límites claros desde o respecto e escoita
atenta das súas opinións, e que incrementedes a comunicación con eles mantendo
unha relación cálida e, á vez, esixente. Deixádelle
o seu propio espazo pero controlando desde a distancia
Debedes transmitirlles aos vosos fillos/as que
estudiar é bo para o seu futuro, e que confiades neles e no seu esforzo. Se
queren máis liberdade deben demostrar que son responsables en todos os aspectos
da súa vida en xeral, e nos estudos en particular.
Para axudarlles nesta responsabilidade compre fomentar
hábitos de estudo na casa, asegurándolles un bo lugar para estudiar, marcando un
tempo diario de estudo, axudándolle na planificación de tempo de estudo
e nas materias que lles costan pero sen facerlles as tarefas. Compre
ensinarlles a combinar o tempo de estudo co descanso e ocio de xeito
equilibrado.
Será moi positivo
o contacto frecuente co titor/a, así como participar nas actividades de
centro. Debedes levar un control das faltas de asistencia dos vosos fillos/as,
así como das súas amizades.
Valorade e premiade o esforzo día a día e motivalo
para acadar resultados positivos. Implicádevos nas súas actividades e gustos,
pero evitando ser “colega” dos vosos fillos/as.
Debedes
estar atentos aos cambios experimentados polo voso fillo/a (de humor, de
conduta, costumes). Falade destes cos vosos fillos/as, cos mestres e co
Departamento de Orientación do Instituto.
Boa viaxe e
moita sorte nesta nova etapa.
Comparto a presentación realizada co alumnado de 6º EP para favorecer o axeitado cambio de etapa. Pinchade na imaxe para acceder.